martes, 20 de setembro de 2016

Con A de comarca

'Con A de comarca', recoñecemento ao  labor das escritoras da Mancomunidade de Ordes
O proxecto baséase en entrevistas realizadas por xornalistas de distintos medios de comunicación a máis de media ducia de literatas da comarca
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes levará a cabo unha nova iniciativa baixo o título 'Con A de comarca', na que a creación literaria e o labor das mulleres no ámbito das letras serán os máximos protagonistas. Máis de media ducia de escritoras da comarca con obras publicadas en diversas editoriais serán entrevistadas por profesionais e figuras de recoñecida traxectoria no eido do xornalismo e dos medios de comunicación. O dito proxecto está desenvolvido conxuntamente polo CIM, o Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Prensa. “A idea xurdiu o pasado mes en base á celebración do Día do Libro”, tal e como se explica por parte da organización. Entre outros obxectivos preténdese fomentar o hábito da lectura entre os veciños e veciñas, que poderán comprobar como xente que está ben preto deles e delas teñen moito que contar”.
Ao longo das vindeiras semanas todo o material acadado será colgado nas diversas páxinas web e redes sociais tanto da Mancomunidade como dos concellos que a compoñen. Os nomes propios das escritoras participantes son: Rosalía Morlán (Trazo), Tania Carro (Oroso), Estela Suárez (Oroso), Marisol Gándara (Ordes), integrantes do colectivo literario Historias de equipaje (Ordes), Mercedes Vega (Tordoia), Josefina García (Tordoia) e Begoña Picón (Tordoia).
Do eido do xornalismo teñen confirmada a súa participación as seguintes xornalistas: Paula Pájaro (Cadena Cope), Emma Araújo (La Voz de Galicia), Belén Regueira (Radio Galega), Olga Vilar (Radio Obradoiro), Ainhoa Apestegui (Cadena Ser), Marga Pazos (TVG), Raquel Ríos (RNE) e Fernanda Tabarés (V Televisión).
“O principal obxectivo é o de dar publicidade á contribución que fan as mulleres no ámbito literario. Con este traballo tamén lles queremos brindar a todas elas un merecido recoñecemento, á par que se incide na súa capacidade como creadoras e profesionais das letras galegas na súa maior parte”, tal e como explica Roberto Rey, presidente da Mancomunidade de Ordes

.Mari Vega (con Ainhoa Apestegui, da cadena SER) (13 de xuño)
Mari Vega Cerqueiro naceu na Pontepedra (Tordoia). Ten 54 anos. É técnica superior de Fotografía pola Escola de Artes e Superior de Deseño “Mestre Mateo” de Santiago, así como licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Na actualidade traballa como profesora de fotografía na Escola “Mestre Mateo”.  A propia autora recorda os seus inicios na fotografía con 12 anos de idade, de xeito autodidacta, cunha reportaxe sobre a inauguración do centro médico de Tordoia.
Publicou un estudo histórico e etnográfico sobre o oficio de lavar (“Lendas e imaxes das donas do río: as lavandeiras”), galardoado co Premio de investigación Xohana Torres do Concello de Santiago de Compostela en 1997, e publicado pola editorial A Nosa Terra en 2002. No ano 2006 publicou o conto xuvenil “O camiño a Tibiáns” (editorial Sotelo Blanco).

Josefina García 
Josefina García Castro, veciña da Pontepedra (Tordoia), ten un libro de poemas editado polo concello de Tordoia, que deu a coñecer as composicións poéticas desta muller autodidacta que as recitaba en excursións do concello. Empezou a escribir hai aproximadamente 15 anos, a estrofa ‘O picho’, baseada na temática da natureza, fundamental na súa obra, aínda que tamén están presentes nela outros temas cotiáns. Poderiamos definila como unha muller auténtica á que a inspiración lle xorde en calquera momento, incluso de noite. 

Begoña Picón 
Begoña Picón naceu en Santaia de Gorgullos (Tordoia) en 1972. É a responsable de Muller e Igualdade en Inditex, pero a faceta literaria veulle de sempre. Empurrada por unha amiga ao mundo da poesía, en 2009 publica con outros tres poetas “Latexos-Latidos”, escolma poética en galego e castelán. En 2011 ve a luz o seu primeiro poemario en solitario, “La verdad de la vida”. En 2015 aventúrase no mundo dos relatos, publicando “La estación del recuerdo”. Na actualidade está traballando nun novo proxecto, un libro de poemas en galego que se chamará “As pegadas dos meus pés”, no que Tordoia ten un papel importante.
Forma parte de Nómades do verso, un grupo de poetas que se xuntan todos os xoves para recitar e manter charlas literarias. Ademais, é moi coñecida polos seus xabóns artesanais.

Rosalía Morlán
Rosalía Morlán naceu en Trazo en 1959. Diplomada en enfermería (DUE), actualmente desempeña o cargo de supervisora de tarde-noite no Hospital de Conxo (CHUS), que compaxina co de profesora asociada na Facultade de Enfermería de Santiago. É ademais secretaria da Fundación Neira Vilas e dá charlas nos colexios para nenos e nenas de 3 a 14 anos.
Ten numerosas colaboracións poéticas en revistas e outras publicacións e recibiu varios premios, os máis recentes o Premio de poesía sobre la mar Brisa Marina, en 2011, e o Premio de poesía Hernán esquío, en 2012.
Publicou varios libros de poesía: “A coitada lúa” (2010), Mención de honra do Premio Arume de poesía en 2009, “Estrelas de azucre” (2012), “O castelo da rocha forte” (2014) e “Canta a lúa coas estrelas” (2015). Tamén publicou unha obra de teatro infantil, “O libro do mundo dos soños” e foi coautora de “O libro dos Reis Magos”, da Xunta de Galicia, publicado por Galaxia en 2012.

Ningún comentario:

Publicar un comentario