luns, 24 de outubro de 2016

Historia do Microscopio

  Historia do microscopio a través da colección "Camacho e Pallas"




O Museo de Historia Natural  da Universidade de Santiago de Compostela inaugurou o pasado 1 de xuño de 2016 a exposición temporal “Historia do microscopio a través da colección Camacho e Pallas”, propiedade dos doutores Tomás Camacho e Estrella Pallas. Nesta exposición exhíbense por primeira vez xuntas dúas pezas emblemáticas na historia da microscopía: unha edición orixinal da obra “Micrographia: or some Physiological Descriptions of Minute Bodies Made by Magnifying Glasses”, escrita por Robert Hooke e publicada en 1665, e un microscopio construído por Antony van Leeuwenhoek tamén no século XVII.

                 



 
Xunto con estas dúas pezas, que representan a orixe da microscopía, móstranse modelos de microscopios simples e compostos, que permiten coñecer a evolución histórica do microscopio, reflexo das melloras ópticas, mecánicas e estéticas desde o século XVII ata principios do XX. A colección de microscopios “Camacho e Pallas” está recoñecida internacionalmente como a mellor existente na actualidade, tanto polo seu valor científico como histórico e cultural. Os propietarios, a Dra. Estrella Pallas Pallas, especialista en otorrinolaringoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e profesora asociada de otorrinolaringoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, e o Dr. Tomás Camacho, director médico do laboratorio Vithas Lab, Grupo Vithas, comezan a súa colección no ano 2000 cun modelo de microscopio denominado Harvard e fabricado por Bausch and Lomb en 1876. Foi no ano 2015 cando esta colección pasa a ser a máis representativa da historia da microscopía, ao incorporar o microscopio construído por Leeuwenhoek - un dos 10 modelos existentes na actualidade e o único autentificado como orixinal- e a obra de Hooke cuxas descricións foron a base para que Leeuwenhoek puidera construír os primeiros microscopios que permitían aumentos de ata 300 veces do tamaño real.
Esta exposición conta cunha serie de paneis explicativos que pódense consultar no seguinte enderezo:

Ningún comentario:

Publicar un comentario