luns, 19 de setembro de 2016

Carlos Casares  Letras Galegas de 2017

A Academia destada a súa «calidade, a vocación abertamente comunicativa e o carácter variado da súa obra», así como «un compromiso inequívoco coa lingua galega»

O escritor Carlos Casares (Ourense, 1941-Nigrán, 2002) será o homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2017, segundo a decisión tomada onte en sesión plenaria pola Real Academia Galega (RAG). Casares impúxose coa maioría dos votos por diante doscandidatos Plácido Castro, Antonio Fernández Morales e Ricardo Carballo Calero. A súa candidatura fora impulsada polos académicos Luz Pozo Garza, Manuel Rivas, Fina Casalderrey, Francisco Díaz-Fierros, Salvador García-Bodaño, Ramón Villares e Víctor Freixanes.
O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, describiu a Carlos Casares coma «un grande da literatura hispánica do século XX» e subliñou que «no caso dunha literatura e unha lingua tan problemática coma a nosa, contar cun escritor, este ano, como Manuel María, e o que vén, como Casares, que son capaces de chegar mesmo a 'mares nunca dantes navegados' -como dicía Luís de Camões-, era moi importante».
Carlos Casares foi unha das figuras máis renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX.

Comprometido co seu tempo

Carlos Casares foi unha das figuras máis renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX.
Cargos
Académico, deputado e catedrático. Membro da Real Academia Galega (1977). Deputado no primeiro Parlamento Galego co PSdeG-PSOE (1981). Director da editorial Galaxia (1985) e a revista Grial. Presidente do Consello da Cultura Galega (1996-2002). Catedrático de Literatura nun instituto en Cangas e presidente do Pen Club de Galicia (1996-1999). Colaborador en La Voz de Galicia coa sección A ledicia de ler (1975) e coa columna diaria Á marxe (1992). 
Participación política
Galeguista na transición. Foi un dos asinantes do manifestoRealidade Galega co obxectivo de conseguir un Estatuto de Galicia. Participou coma independente nas listas do PSOE e foi membro do primeiro Parlamento galego (1981). Redactou xunto a Ramón Piñeiro a Lei de Normalización Lingüística (1983), e foi impulsor do Consello da Cultura Galega. 
Obra e premios
Recoñecida traxectoria. En 1967 publicou a súa primeira obra, Vento ferido. Converteuse en pioneiro da literatura infantil coa A galiña azul(1973). Coa obra As laranxas máis laranxas de tódalas laranxasgañou o certame de Teatro Infantil da Asociación O facho. Xoguetes para un tempo prohibido reportoulle o Premio Galaxia e o da Crítica da narrativa galega da Asociación Española de Críticos Literarios (1975). Foi homenaxeado co premio Critica Galega (1982) conIlustrísima. Polo traballo Os mortos daquel verán levou o Premio Antón Losada Diéguez, mentres que Deus sentado nun sillón azul foi Premio da Crítica Española (1997) e finalista do Nacional de Narrativa (1998). A publicación no 2002, xa tralo seu pasamento, da obra O sol de verán foi merecedora pola súa banda do premio da Crítica dese ano. E polo seu labor como articulista recibiu os galardóns Fernández Latorre (1983), Julio Camba (1995) e Roberto Blanco Torres.

Ningún comentario:

Publicar un comentario