xoves, 21 de setembro de 2017

LETRAS GALEGAS 2018

María Victoria Moreno

A reivindicación da literatura infantil e xuvenil

María Victoria Moreno, mestra e escritora, naceu en Estremadura. En Madrid licenciouse en Filoloxía Románica, onde tivo como profesores a Rafael Lapesa e Dámaso Alonso. No ano 1963 chegou a Pontevedra e quedou namorada para sempre da suavidade do clima e da beleza da cidade. Despois dunha estadía en Lugo e Vilalonga (Sanxenxo) volve a Pontevedra, onde foi profesora nos institutos Valle-Inclán e Torrente Ballester, desde os anos 80 ata a súa xubilación.

Desde o comezo, identificouse con Galicia e coa súa cultura. Tamén participou activamente na vida cultural e política da cidade e do país colaborando en conferencias, cursos e encontros literarios. Ademais de novelas e contos, escribiu obras de ensaio, colaborou na redacción de libros de texto e dirixiu a colección "Árbore" da editorial Galaxia.

O conto "Crarisca e Luceiro" levou o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís "O Facho" en 1972. Leonardo e os fontaneiros (1986) era a súa obra preferida. Esta novela, que propón diferentes formas de lectura, reflicte o mundo interior dun rapaz e a súa amizade cun can da rúa. Levou o terceiro premio do concurso "O barco de vapor" en 1985. Anagnórise (1989) é unha das obras con máis éxito da literatura xuvenil galega. A xeito de "road-movie", unha muller misteriosa recolle no seu coche a un desorientado adolescente que emprenderá unha viaxe cara ao coñecemento. Guedellas de seda e liño (1999), mención especial White Ravens 2002, retrata dous mundos, o paio e o xitano, a través da vida de dúas nenas e un primeiro amor. No 2004, afectada polo cancro de mama que lle levou a vida, escribiu Diario da luz e a sombra, reflexión sincera e valente sobre os efectos da enfermidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario