martes, 3 de marzo de 2015

Xéneros e Figuras literarias

Xéneros e Figuras literarias

O conxunto de obras que comparten con outras unhas características formais e temáticas forman un xénero literario. Os tres grandes xéneros son a poesía ou lírica, a narrativa e o teatro.

A poesía: é un xénero escrito normalmente en verso e que ten ritmo. A poesía pode expresar a visión persoal do mundo do poeta, aínda que na poesía popular adóitanse amosar os valores dunha comunidade. Na poesía existe unha grande variedade de formas como:
  • A cantiga: composición que estaba destinada ó canto
  • O epigrama: composición breve de carácter festivo.
  • O himno: composición cunha finalidade patriótica ou de celebración.
  • A elexía: composición na que se chora a morte de alguén ou outra desgraza colectiva.
  • A égloga: composición protagonizada por uns pastores idealizados.
  • A oda: Era unha composición de exaltación que adoitaba usar unha linguaxe elevada.
A narrativa: son o conxunto de obras onde o autor narra uns feitos reais ou inventados e faino en prosa. A narrativa de ficción divídese en novela e conto.
  • O conto: será unha narración breve que conta un acontecemento que normalmente sucede a uns personaxes moi determinados nun tempo e nun espazo moi concretos.
  • A novela: é unha narración máis longa onde se narran distintos feitos que suceden a varios personaxes que son tratados con máis detemento. Estas historias poden acontecer en distintos lugares e poden ocupar máis tempo. Entre as novelas máis importantes da nosa literatura están as de Otero Pedrayo

    http://www.arrakis.es/~trasalba/default.htm

   

O teatro

Son o conxunto de obras pensadas para seren representadas diante do espectador. Os personaxes falan, e mediante os seu diálogos nós coñecemos a historia. Os diálogos do teatro poden estar escritos en verso ou prosa. Houbo momento nos que predominou o verso pero hoxe faino a prosa. As formais teatrais principais son:
  • A traxedia: Os personaxes son importantes e sufrirán un final terrible. Chegan a este remate por culpa duns sentimentos incontrolables.
  • A comedia: Os personaxes son normais e rematarán cun final feliz. Representan conflictos normais, vistos ás veces como complicacións que xorden por mor de equívocos.
  • O drama: Os personaxes son xentes normais que sofren un problema serio. O final non está predeterminado.
Probablemente a obra de teatro máis coñecida da nosa literatura sexa Os vellos non deben de namorarse, de Castelao.

As figuras literarias e os recursos estilísticos 

Na literatura adóitanse usar determinados recursos. A función que teñen é darlle orixinalidade e expresividade ao que nos di o autor. Os recursos e figuras son os medios que ten un escritor para construír a linguaxe literaria.
Aliteración: consiste en repetir un son nun grupo de palabras para que provoquen un efecto no lector.
Que ben , que bomba vén co seu rebumbio
bomba, Bong!, a bomba, bom amigo!
                                                    Celso Emilio Ferreiro
Antítese: Contrapóñense dúas realidades para que dese xeito resalten máis.
Se cantan es ti que cantas,
se choran es ti que choras
e es o murmurio do río
e es a noite e es a aurora
                                  Rosalía de Castro  

Asíndeto: Suprímense as conxuncións co que o enunciado cobra rapidez e viveza.
Galicia é o que vemos:
a terra, o mar, o vento...
                      Manuel María
Epíteto: adxectivo que dá unha calidade que xa se sobreentende nun substantivo.

Polos montes baixan e ruben

sombras longas resgadas e negras...
                                                   Uxío Novoneyra
Hipérbato: é alteración da orde sintáctica das palabras.
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño

                                Curros Enríquez

Ironía: Figura que depende moito do contexto e do ton e que consiste en dar a entender o contrario do que se di .
os mortos que vos matades
gozan de boa saúde
                                 Celso Emilio Ferreiro
Metáfora: Consiste en nomear un ser, un obxecto ou unha calidade co nome doutro co que o autor o identifica.
Ouh Galicia, Galicia, boi de palla

Canta lástima ten de ti o Gaiteiro!

O aguillón que che meten é de aceiro
E con el moita forza te asoballa.
                                                    X. M. Pintos
Onomatopea: Consiste en imitar sons e ruídos reais.

Gli, gli,gli, gli, gli, gli

Canta aquí, canta aló, canta acolá.
Onde diaño canta o grilo?
Onde o grilo cantará?
                               Roberto Blanco Torres
Polisíndeto Repítense as conxuncións cos que se consegue enlentecer o ritmo do enunciado
Denodados e fortes
foran nosos avós,
e varudos e intrépidos
e de nobre tenzón.

                         E. Pondal

 Prosopopea: consiste en atribuírlle a seres inanimados ou abstractos calidades propias de seres animados.
Gota de orballo
tremelucindo,
tes o sol rindo
dentro de ti.
                    Noriega Varela
Símbolo:Cando unha palabra á parte do seu significado habitual pode evocarnos outra cousa.

Unha vez tiven un cravo

cravado no corazón
e non me acordo xa se era aquel cravo
de ouro, de ferro ou de amor.
                                              Rosalía de Castro
Símil: Establécese unha comparación entre seres, obxectos ou calidades, ben por semellanza ou ben por diferenza.
Ceo e terra están espidos
como outrora Adán e Eva
                                          Amado Carballo
Máis información en

Ningún comentario:

Publicar un comentario