Contos gañadores da 2ªedición do concurso de relatos do Samaín 2013
1º Premio concurso Samaín
Desaparecida: Claudia Édgar Rosende 4ºESO
Noite de Samaín, esa noite
na que os contos de medo cobran vida, esa noite na que os rapaces cavilan
cousas terroríficas debaixo das sabas ata quedaren durmidos, esa noite na que
cobran vida personaxes como as meigas, o Lobishome, os demos ou o mesmo Tardo,
digo mesmo porque de tardos vai esta historia, a cal vos pode parecer unha
parvada ou amedrentarvos tanto que a vosa alma se estremeza con só pensar nela.
Sen máis dilación imos co
relato:
Todo comeza no municipio
de Paramedí, unha aldea moi fermosa na que as visitas turísticas son moi
frecuentes. A vila, aínda hoxe conserva os seus costumes e entre eles atópase a
noite de Samaín, por estas terras esta noite é moito máis temida ca no resto de
Galicia, cando o día se achega dise que
polas noites, cando todo está en silencio, escóitanse os murmurios das almas en
pena que vagan polas rúas. Tal é o medo que teñen as persoas de Paramedí que
nesa noite non saen á rúa.