Contos gañadores da 2ªedición do concurso de relatos do Samaín 2013
1º Premio concurso Samaín
Desaparecida: Claudia Édgar Rosende 4ºESO
Noite de Samaín, esa noite
na que os contos de medo cobran vida, esa noite na que os rapaces cavilan
cousas terroríficas debaixo das sabas ata quedaren durmidos, esa noite na que
cobran vida personaxes como as meigas, o Lobishome, os demos ou o mesmo Tardo,
digo mesmo porque de tardos vai esta historia, a cal vos pode parecer unha
parvada ou amedrentarvos tanto que a vosa alma se estremeza con só pensar nela.
Sen máis dilación imos co
relato:
Todo comeza no municipio
de Paramedí, unha aldea moi fermosa na que as visitas turísticas son moi
frecuentes. A vila, aínda hoxe conserva os seus costumes e entre eles atópase a
noite de Samaín, por estas terras esta noite é moito máis temida ca no resto de
Galicia, cando o día se achega dise que
polas noites, cando todo está en silencio, escóitanse os murmurios das almas en
pena que vagan polas rúas. Tal é o medo que teñen as persoas de Paramedí que
nesa noite non saen á rúa.
Ti preguntaraste que é ao
que lle teñen medo, verdade? Pois direicho, eles temen ao tardo,
ese ser pequeno e de cor
verde, similar a un trasno pero cun corazón impuro e cheo de maldade. O tardo é
peludo coma un oso, os seus dentes parecen coitelos e sempre leva un gorro
vermello. A lenda conta que porta unha pequena espada coa cal sempre anda a
xogar. Contado así, o tardo só parece un pequeno e insignificante saco de
pulgas andante, tal como apunta a mitoloxía galega pero, na noite de Samaín de
Paramedí, pasadas as doce da noite, os tardos transfórmanse nunha especie de
besta cunha ansia de matar sobrenatural, o tamaño do tardo vese aumentado á par
que a súa forza, os seus dentes fanse máis grandes e o que antes parecían unhas
unllas mal coidadas agora son coma ganchos do tamaño dunha man, aquel tardo que
só entraba nas casas a molestar é agora unha máquina de matar.
Na noite de Samaín, a
xente de Paramedí pecha as portas da casa con varias pechaduras, o mesmo pasa
coas ventás, no caso de non facelo, como no de Claudia, unha rapaza de uns
vinte e poucos anos coñecida na aldea por ser filla dun dos homes máis ricos do
lugar e que acababa de chegar o ano anterior, sofren as consecuencias.
Claudia estaba a unha
semana de rematar o último ano da carreira, polo tanto quedaba todos os días ata
moi tarde na biblioteca a estudar, chegara a noite do 31 de outubro e ela saía
da biblioteca ás once da noite, coma sempre. A rúa estaba baleira, calada, á
luz da lúa e dalgún farol que sobrevivira ás pedradas dos máis pequenos da
vila, Claudia púxose de camiño cara a súa casa, na que vivía soa trala morte de
seu pai. Todo o mundo parecía ir na cama, eran as once e as luces das casas
estaban apagadas, algo moi raro, se se tratara dunha noite normal, pero mentres
a case graduada en Dereito camiñaba de regreso ao seu lar, uns seres sacados do
mesmo inferno estaban a xurdir desde a escuridade da aldea, sen comelo nin
bebelo, estas abominacións ían ser o
destino de Claudia.
Ao chegar a casa, puxo as
súas cousas enriba da mesa da entrada e dirixiuse á cociña para preparar algo
para cear. Mentres cociñaba ,unha sensación de ser observada inundaba a súa
mente, ela era consciente de que era a noite de Samaín e do que se contaba
sobre esta, pero pensaba que non eran
máis ca parvadas, en canto ceou xa eran as doce menos dez así que se dirixiu a
súa habitación para durmir, sen cerrar ventás nin portas, exposta a entrada dos
tardos.
Desde aquela noite non se
soubo máis de Claudia, non hai constancia de que un acontecemento así volvera a
pasar pero, quen sabe o que nos depara a
noite de Samaín?
Ningún comentario:
Publicar un comentario