A CHAMADA DA MORTE
Abel Romero Lamas 3º ESO
A aguia
voa soa, os corvos en bandadas.
O necio ten necesidade de compañía
e o sabio,
de soidade.
Friedrich
Rückert
Tocaban as campás da
Igrexa, a un son lento e espazado; a morte. A veciñanza saía das súas casas coa
pregunta no maxín, quen morrería?, xa comezaba o alporizamento de sempre.
Apurábase a facer as tarefas, para ao anoitecer durmir co defunto.
Estabamos no outono, preto
da matanza do porco, onde os días comezaban a acurtarse; alfombras de néboa
cubrían os amenceres e solpores de Fontán. Corvos grandes e escuros grallaban a morte. Xa
transcorreran días con ese corveo e os
vellos dicían que unha morte estaba preto, e así foi.
Fora Eusebio, o da Aldea de
Arriba, un home serio, de mirada profunda, ao
cal a face tornáralle denegrida e tristeira, ollada húmida sen bágoas á
que tanto temen os vellos cando presenten a morte. Eu, era de me fixar e
levábao fitando durante xa varios días, presentía algo na súa compostura, non
era o de sempre. A beiriña das noites, cando todo estaba sosegado e silandeiro,
saía pola porta de atrás, rumbo á Igrexa, mais non se detiña, proseguía ata
chegar ao cruceiro, agardaba un pouco e ao sentir o son das cadeas, un son
acompasado e inconfundible; erguíase e coma se dunha procesión se tratase
emprendía o seu camiño envolto na vaga néboa co seu arrecendo. Era un camiñar lento e silente que manaba temor e
que sempre volvía ao punto de partida, o cruceiro; onde Eusebio se volvía a
amedrentar, e aquel abrigo de néboa e frío difundíase sen máis. Aquel feito era
o mesmo todas as noites, ata ese venres
no que soaron as campás e dixeron que morrera. A min non me estrañara nada, eu
de antemán xa o sabía, era algo que levaba cargando de un tempo atrás.
Os corvos seguían grallando
dende o abrir do día, aquel son introducíaseme nos oídos, encrechábame os pelos
e perseguíame a onde queira que fose. O meu corpo inquedo presentía outra morte
e xa tiña rostro. Chegou o venres e as campás da Igrexa tocaron de novo e a
néboa, aquela néboa espesa e fría volvía a asolagar a aldea de novo. Outro
morto! Pombo, o da Ponte. No seu enterro só se falaba dos corvos e de morrer os
venres.
No cruceiro seguiu habendo
os mesmos movementos, a mesma néboa, a mesma friaxe e o mesmo soar acompasado
de cadeas; un desacougo inmenso de ánimas encerradas preto, nas tumbas do Campo
Santo. Os veciños estaban á sospeita, e eu moito máis, vivía amedrentado,
levaba unha carga ás miñas costas e, como explicalo, tomaríanme por tolo. Xa
pasaran varias semanas e era raro que os martes ou venres non soaran as campás
.
Aínda recordo aquela tarde triste con aquel
corvo pousado no cume do cabazo, chovía e
un vento lene acariñábache a cara, coma se dun veo se tratase, as follas non paraban de brincar arredor,
pero a chuvia seguía caendo miúda e sen pausa. O día non se prestaba máis que
para estar ao carón dunha boa larada cun vasiño de viño, á espreita dun clareo. Estando nestas, apoiado na mesa,
a cabeza íase, podía máis o cansazo. O lume foise apagando pouquiño a pouco, a
ventá abafouse e os ollos pecháronse…, de súpeto, como da nada, asobállaseme o
peito, un rostro, este non tiña dono. Uns berros desacougados saían do cuarto;
era miña nai, meu pai acababa de fitar. A ventá desabafábase, a choiva cesaba e
aqueles endiañados corvos seguían barullando ao lonxe…, eu sen alento, saco folgos dende o máis
fondo. Era venres, todo comezaba de novo…, outro rostro, aquel desacougo e un
só desexo: marchar de Fontán.
A
FAMILIA SOUTO Lidia Domínguez 4ºESO
Ela dicía que tiña amigos, pero nunca a vin con rapaces da súa idade. Cando a rapaza empezou a falar soa, os seus pais non lle deberon de dar importancia, xa que aos 6 anos, calquera se inventa un mundo imaxinario no que non haxa normas que seguir. Eu estaba sen unha perna e non acostumaba a saír moito da casa, polo que non coñecía a seus pais, nin a case ningún dos veciños da vila. E como unha persoa maior non ten moito que facer, acostumaba observala dende a ventá do meu cuarto cando corría e saltaba por la rúa, pero sempre a vía soa. Era una nena loura moi fermosa, tiña un sorriso cheo de vida, e uns ollos que brillaban tanto coma os dos gatos pola noite.
Adoitaba vir a visitarme de cando
en vez para falar, e eu escoitábaa e trataba de entendela. Pero só me contaba
que tiña medo de perdelos, de que non
quería quedar soa no mundo. Eu pensaba que o dicía por seus pais, e dicíalle
que sempre me tería a min, pero ríase e dicíame con esa voz doce tan
característica dela, que una vella de 60 anos non era compañía para una nena de
case 7 anos.
Pasou o tempo e esa nena de case
7 anos converteuse nunha rapaza de case 10 anos. Pero xa non era a mesma de
antes. O seu sorriso cheo de vida desaparecera, e os seus ollos brillantes
escurecéranse ata tal punto que se confundían agora coa máis absoluta escuridade.
Non acostumaba vir tanto a verme,
pero o día do seu décimo aniversario, chegou á miña casa chorando, cun corte no
labio e hematomas na pel. Nada máis vela, pregunteille qué fora o que sucedera,
pero non era capaz de falar. Esa noite durmiu na miña casa, e como non paraba
de dicir que seus pais non a entendían, imaxinei que foran eles os que lle
pegaran. Ao día seguinte pediume se podía quedar uns días máis comigo, porque
dicía que así eles non a ían
encontrar. Non foi ata a noite do segundo día, cando me atrevín a preguntarlle
por qué escapaba de seus pais. Ela miroume confundida coma se eu non entendera
nada do que lle estaba a ocorrer. Pedinlle entón que mo explicase. Ela sentouse
e comezou a falar cunha voz tan ferida e destrozada que temín que se botase a
chorar en calquera momento.
- Non escapo de meus pais. Escapo de eles.
- Pero quen son eles? –preguntei confundida.
- Os meus amigos Hugo e Teo. Pero non me
viches xogando con eles na rúa ou qué?
Aí foi cando descubrín que a
rapaza non só se inventaba mundos imaxinarios, senón que tamén se inventaba ás
persoas coas que falaba. Quedei en silencio, xa que non sabía qué lle había
dicir. Ela tamén quedou uns segundos
calada, pero de repente escurecéuselle a cara e empezou a berrar: encontráronme, encontráronme!
Fixeime na súa mirada e vin que a
tiña posta en algún punto detrás de min. Vireime, pero aí non había nada nin ninguén.
Estaba intentando convencela de que estabamos nós as dúas soas na habitación
cando, de súpeto, un zapato saíu voando dende detrás de min en dirección a ela.
Volvinme a virar, asustada, pero aí seguía sen haber ninguén. Entón vin
horrorizada como alguén tiraba da camiseta da rapaza e a intentaba sacala fóra
da casa. Eu non sabía qué facer, xa que a miña lesión, por culpa da cal estaba
en cadeira de rodas, non me daba moita mobilidade. Así que simplemente corrín e
corrín na súa busca. Estiven varias horas percorrendo a vila na procura da
rapaza, pero non a encontrei. Decanteime entón por preguntarlle a un veciño que
viña andando na miña mesma dirección.
- Perdoe, viu vostede a Melody?
- A quen?
Deime de conta de que non tiña
información ningunha sobre a nena. Pero aínda así, tratei de describila o
mellor que puiden.
- Unha nena loira cun sorriso cheo de
vida e uns ollos moi brillantes. –dixen recordando cómo era ela con 7 anos.
Ao home escurecéuselle a
expresión.
-Espero que isto sexa unha broma. Naquela
casa de alí vivía fai 4 anos a familia Souto, e a filla menor chamábase Melody,
e é a única persoa que coñezo de aquí que pode encaixar perfectamente coa
descrición”. –dixo o home sinalando unha casa completamente derrubada e
queimada.
Quedei sen palabras. Esa noite non
durmín, nin todas as noites que lle seguiron a esa.
Non decidira deixar testemuña
deste feito, ata que a volvín a ver a ela e á súa familia, e dixéronme que
debía descubrir rápido o que lles fixeran, antes de que me chegara a hora. Ao
principio pensei que estaba soñando, pero logo decateime de que estaba esperta,
xa que cando soñas, non te plantexas a idea de estar ou non esperto.
Por iso sei o que vin. E sei que
me queda pouco tempo de vida.
Pero o tempo que me quede, prometo
pasalo investigando a morte da familia Souto, e os misteriosos amigos da rapaza Hugo e Teo.
Lidia Domínguez, 4ºESO