martes, 8 de maio de 2018

CHARLA SOBRE O RADÓN

O RADÓN

A profesora Dolores Cortina, catedrática de Física nuclear da USC veunos dar unha interesante charla sobre a presenza de radón no subsolo e no interior das casas.Entre outras cousas contounos que en Galicia, debido ás características do solo e do clima ,hai moita presenza deste gas e falounos dos efectos que pode producir na nosa saúde e das medidas que se poden adoptar para mitigar a súa influencia.

 Para saber que é o radón, a vosa profesora, Mercedes López Rodríguez, preparou unha información sobre este elemento:

                                            Radón

§  O radón é un elemento do grupo 18 (gases nobres); o seu símbolo é Rn.


§  É un gas incoloro, inodoro e insípido, polo que a súa presenza nun lugar non se detecta.

§  É quimicamente inerte, o que quere dicir que non reacciona con outros elementos (é un gas nobre).

§  O seu nº atómico (Z) é 86, o que quere dicir que este átomo ten 86 protóns (partículas con carga positiva e con masa) no seu núcleo.

§  O seu nº másico é 222 (A), e dicir o nº de partículas que ten o seu núcleo resultado de sumar os protóns e os neutróns (partículas sen carga e con masa)
  Na natureza hai átomos que teñen practicamente o mesmo nº de protóns que de neutróns; pero hai outros que presentan un gran desequilibrio entre o nº de protóns  e neutróns que ten o seu núcleo; p.e. o radón ten 86 protóns e 136 neutróns . Estes últimos átomos son altamente inestables e tenden a descompoñerse rompendo os seus núcleos e orixinando elementos diferentes, ao mesmo tempo esa desintegración vai acompañada da liberación de enerxía en forma de radiación, que pode ser de diferentes tipos, isto é a desintegración radiactiva.

Ese proceso tamén se pode inducir de forma artificial, pero no noso caso ocorre de forma natural, radiactividade natural.

En resumo, o radón orixínase a partir do U-234, que se desintegra e orixina Ra-226, que se desintegra e orixina Rn-222, que se desintegra e orixina Po-218





Importancia do radón nas nosas vidas

 Onde se atopan as fontes de radón? O uranio e o radio son elementos que forman parte das rochas (o granito p.e.), está presentes nos materiais de construción (cemento etc.), entre outros (auga, gas). 

A descomposición destes elementos orixina radón que se filtra polos poros ou fendas do terreo, do solo, das paredes etc. e se acumula no interior das nosas casas. É máis pesado que o aire polo que tende a concentrarse nas zonas baixas.
A radiación que emite na súa descomposición son partículas alfa que non teñen capacidade de atravesar a nosa pel , pero que introducimos no noso corpo pola respiración; adhírense ao tecido broncopulmonar e dende  alí liberan radiación que provoca alteracións no material xenético das nosas células (ADN), volvéndoas canceríxenas.  


Considérase que a combinación de tabaco e radón é responsable do 25% dos cancros de pulmón que se detectan en Galicia.


No noso territorio as condiciones climáticas empeoran a situación, pois as baixas presións e as precipitacións inflúen negativamente xa que provocan a mobilización do radón dende o terreo ata o interior das nosas casas; as diferencias de presión e os poros do terreo taponados pola auga obriga ao radón a desprazarse cara o interior das vivendas.

Que podemos facer?
Ø O uranio e o radio, fontes de radón, sempre van estar aí; teñen unhas vidas medias de millóns de anos, no radón  é de 3,8 días, polo que se está a producir constantemente.

Ø O clima non podemos cámbialo. As veces xa nos gustaría!!!



      • Tampouco podemos cambiar a nosa litoloxía (o tipo de rochas que existen no subsolo, granitos p.e.) 
         
        Hoxe en día trabállase no deseño de materiais de construción que non presenten poros ou que non fendan, para protexer as casas da entrada do radón; no desenvolvemento de sistemas de ventilación etc.
        Pero para os que xa temos casa feita.. airear! Abrir as fiestras para que o aire corra e arrastre ao radón ao exterior e así se dilúa na atmosfera. O problema está nos sotos onde hai que procurar xerar correntes de aire que movan o gas. Aínda que sexa inverno, con abrir 10 minutos ao día sería suficiente!!! 
         
        Os gráficos de carácter científico utilizados neste documento pertencen ao traballo do profesor Carlos Sainz Fernández da Universidade de Cantabria


        Aínda que sei que xa o sabedes… e por se sae na charla; ISÓTOPO: son átomos do mesmo elemento (mesmo nº de protóns), que se diferencian no nº de neutróns. 
        Exemplo:
        Uranio-238 ten 92 protóns (é uranio!!) e 146 neutróns
        Uranio-235 ten 92 protóns e 143 neutróns
         
                                                 MERCEDES

Ningún comentario:

Publicar un comentario