domingo, 20 de maio de 2018

ROTEIRO LITERARIO POR GUITIRIZ

XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO (LETRAS GALEGAS 2014)

Xosé María Díaz Castro naceu o 19 de febreiro de 1914 na Casa do Cidre, no Vilariño dos Cregos (Guitiriz). Fillo de Manuela e Isidro, foi o terceiro de catro irmáns: Antonio, María, el e máis Serafín, o pequeno. Era unha casa de labregos acomodada. Seu pai foi escribinte do Concello de Trasparga una tempada e secretario do Sindicato Agrario Católico dos Vilares.
En 1929 ingresou no Seminario de Mondoñedo, onde coñeceu a Aquilino Iglesia Alvariño.

Foi chamado a filas pola súa quinta, destinado ao corpo de sanidade militar na Coruña como padioleiro e practicante. Na guerra civil, tras unha semana na fronte de Asturias, pasou destinado á clínica militar do Hospital de Pontevedra                                                                   .
No ano 1939 volveu ao seminario, porén o abandona de contado. Iglesia Alvaríño contou coa súa colaboración como profesor no Colexio León XIII, de Vilagarcía de Arousa, do  que era o director.
Abandonou os estudos eclesiásticos licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Salamanca, especializándose en linguas modernas. En 1948 trasladouse a Madrid, onde traballou como tradutor para organismos oficiais e privados, entre eles primeiramente o Ministerio de Gobernación, en asuntos de seguridade e intelixencia. Despois exerceu a docencia como profesor de linguas clásicas e modernas. Traballou no Consello Superior de Investigacións Científicas,onde acadou o posto de xefe do Servizo de Información e Documentación do Instituto do Frío. No Instituto de Cultura Hispánica estivo ata 1966, encargado de servizos de tradución de francés, inglés, alemán, italiano, portugués, holandés e linguas escandinavas.
Obra
Díaz Castro publicou os seus primeiros versos ós dezasete anos na revista Lluvia de rosas de Tarragona, pero foi a súa entrada no seminario, e o contacto con Aquilino Iglesia Alvariño, o que exerceu un estímulo decisivo na súa promoción como escritor e para comezar a escribir en galego , publicando en El Progreso Villalbés o 6 de agosto de 1931 os seus primeiros versos en galego , Lembranzas e sospiros. Logo saíron Baix'o o calor (14/10/31), Lá vou, amor (22/01/32), As formigas (28/06/32), Era un contiño de fadas (8/8/32), e posteriormente escribiu dous cadernos de poesía, tamén en galego, Follas verdes en 1934 e Follas ô aire, que inclúe versos de 1932 a 1935, que finalmente quedaron inéditos. Con todo, Díaz Castro está considerado autor dunha soa obra, o poemario Nimbos,editado en Vigo por Galaxia o 9 de xullo de 1961, que tivo moita influencia nos poetas posteriores pola súa perfección, pola preocupación por Galicia e polos problemas básicos do ser humano, a vida, a morte e o tempo. 
Díaz Castro adoita ser encadrado dentro da Xeración do 36 a carón de poetas coma Carvalho Calero, Celso Emilio Ferreiro e Aquilino Iglesia Alvariño. Na obra  móstrase unha reflexión sobre o destino humano a través da preocupación existencial e relixiosa e da comuñón coa natureza. Nun dos seus poemas máis coñecidos, "Penélope", reflexiona sobre unha Galicia que permanece durmida, mais sen refugar á esperanza para a súa terra.

para coñecer o Roteiro premede no título 

A lus do mundo


EDUCACIÓN PARTICIPATIVA DENDE GUITIRIZ — Un proxecto do IES Poeta Díaz Castro


Unidade didáctica sobre o poeta DÍAZ CASTRO

Ningún comentario:

Publicar un comentario