sábado, 22 de outubro de 2016

Revista infantil e xuvenil


Acaba de saír o primeiro número da revista O PAPAGAIO, baixo a dirección de Abraham Carreiro e editada por Edicións Moito Conto.  A revista está destinada ao alumnado de primaria e secundaria e publicada integramente en galego.

A ciencia, a tecnoloxía, a ecoloxía, a historia, a arte, a cultura, a integración ou a banda deseñada teñen unha sección fixa na revista e os textos están asinados ou asesorados por persoas expertas na materia, aínda que botamos en falta os créditos do consello de redacción.

Os contidos da revista, ben interesantes, poden axudar co traballo informativo nos diferentes ámbitos e mesmo téñen cabida as achegas dos centros de ensino.

Material imprescindible nas bibliotecas escolares e necesario para a normalización do galego.

O PAPAGAIO                  

     Kalandraka vén de publicar en galego (tradución de Xesús Fraga) a novela Un monstro vén a verme de Patrick Ness, que desenvolve unha unha idea orixinal da escritora de literatura xuvenil Siobhan Dowd, xa falecida. En palabras do autor: "este ía ser o seu quinto libro. Tiña os personaxes, o argumento e un comezo. O que non tiña, mágoa, era tempo".

O personaxe principal, Conor, tiña o mesmo pesadelo todas as noites desde que a súa nai enfermara. pero unha noite atopou un monstro na súa ventá que lle vén solicitar o segredo máis oculto  e faino asumir a súa propia realidade.
Pola súa temática, a novela incorpórase ao listado de libros que tratan de superar  a enfermidade, a dor e a morte con valor e abrindo a porta á esperanza.
Aproveitemos a súa lectura en clubs, por exemplo, á par do visionado da versión cinematográfica, recén estreada estes días.

Ningún comentario:

Publicar un comentario